Riassunto
Este libro, coordinado polo profesor Luís Cochón, reúne trinta traballos moi diversos arredor das Irmandades da Fala, o fenómeno que supón o principio da modernidade en Galicia no século XX. Un período, entre 1914 e 1931, que na historia do galeguismo configura un espazo sen volta no acontecer de Galicia, que comeza co inicio da Gran Guerra e se alonga até a proclamación da República do 31, ano de fundación do Partido Galeguista e da celebración da VII Asemblea das Irmandades da Fala, principio e cabo deste tempo. Tras un limiar de X. L. Méndez Ferrín e unhas palabras introdutorias do editor literario, os traballos organízanse en tres grandes bloques: Pensamento, Política e Poética. Unha tríade que, coincidindo coa celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, artella un libro de intención coral, interdisciplinar, transversal e aberta. "Nesta obra, en realidade, aquel que se presenta como coordinador é verdadeiramente un autor. Luís Cochón esixe e orienta os partícipes que ten ao seu redor e reparte traballo. E dálles a palabra aos mortos. Pilla aquí e acolá, do patrimonio de vivos e defuntos, porcións de pensamento que acheguen máis as Irmandades para que poidamos rescatalas do estado de momificación nocional en que se encontran no discurso histórico comunmente aceite e oficializado. Pódese falar de collage, de mosaico, mesmo de farrapeira, pero o resultado é un centón que vai apaixonar o lector disposto a participar da aventura menos coñecida do pasado do cal dependemos". X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Informazioni sugli autori
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938) é unha figura cimeira da cultura galega contemporánea. O seu labor abrangue os ámbitos da narrativa, da crítica, da investigación, do pensamento e da acción política e social. Doutor en Filoloxía, recibiu premios como o Celanova Casa dos Poetas, o Premio Trasalba, o Premio Irmandade do Libro ao Autor do Ano, o Premio da Crítica Española, o Premio Losada Diéguez ou o Premio Nacional da Cultura Galega. É autor dunha obra compacta, unitaria, que abala entre a realidade e a fantasía, e creou espazos literarios de referencia para o ámbito da cultura. A súa obra narrativa iniciouse hai cincuenta anos con Percival e outras historias (1958), e desde aquela publicou títulos tan emblemáticos como O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971), Elipsis e outras sombras (1974), Antón e os inocentes (1976), Crónica de nós (1980), Amor de Artur (1982), Bretaña, Esmeraldina (1987, 2007), Arraianos (1991), ou No ventre do silencio (1999). Como poeta, logo de Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular (1972) e Sirventés pola destrucción de Occitania (1975), o poemario Con pólvora e magnolias (1977) provocou un revulsivo na poesía daquela altura e mudou o seu rumbo. Logo viñeron títulos como Poesía enteira de Heriberto Bens (1980), O fin dun canto (1982), Erótica (1992), Estirpe (1994), O outro (2002), Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005). Para o público xuvenil publicou Arnoia, Arnoia (1986), incluída na Lista de Honra do IBBY en 1988.
Xosé R. Barreiro Fernández (Ribeira, A Coruña) é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. Actualmente, despois de exercer a cátedra de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, segue como profesor emérito desta. É tamén presidente da Real Academia Galega. Na súa bibliografía académica figuran varios libros canónicos dentro da historiografía peninsular. Os seus estudos sobre o carlismo galego, o liberalismo e o nacemento do galeguismo ou os cinco tomos do Proxecto Galicia amplían os nosos horizontes intelectuais e poñen acento galego en temas e personaxes que permanecían velados polas circunstancias históricas. Entre outras, ten publicadas as seguintes obras: A parroquia hoxe (1970); El carlismo gallego (1976, reeditado e revisado en 2008 e publicado en galego como O carlismo galego); El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977); El campesinado gallego en el siglo XIX. Economía y sociedad (1980); Historia contemporánea de Galicia (1982); Liberales y absolutistas en Galicia (1808-1833) (Xerais, 1982); Historia de la ciudad de La Coruña (1986); O movemento obreiro en Galicia: catro ensaios (Xerais, 1990); Historia de la imprenta en Galicia (1992); Historia da Universidade de Santiago de Compostela. (1998-2002); Manuel Murguía (2000, con Xosé Luís Axeitos); Historia de Galicia, 5 tomos do Proxecto Galicia (2000-2002); Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810‑2003) (2003, coordinador e autor); Cartas a Murguía (2005); O Tratado da Constitución europea: visións desde Galiza (2005); Manuel Lugrís Freire, o compromiso (2006, con Xosé Luís Axeitos); Os símbolos de Galicia (2007, Consello da Cultura Galega); A gran historia de Galicia (2007, coordinador) e Historia social da Guerra da Independencia en Galicia (Xerais 2009).
Xurxo Martínez González (Coia,Vigo, 1984). Doutor en Filoloxía Galega e premio extraordinario de Tese de Doutoramento pola Universidade de Vigo. A súa investigación céntrase no Rexurdimento, no provincialismo e na cultura galega do século XIX, con distintas publicacións e artigos. Autor de varios libros, en Xerais publicou "Luís Soto. A xeira pola unidade galega" (2011) e "Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte" (2018), escrito con Emilio Xosé Ínsua. Colaborador habitual na prensa escrita e dixital, premiado en certames poéticos e narrativos, tamén realiza labores como guía literario-cultural por Vigo. Traballa como técnico de normalización lingüística no Concello de Redondela.
Justo Beramendi (Madrid, 1941) é catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Cofundador do Museo do Pobo Galego e presidente do seu Padroado, participou na creación das revistas «Negaciones» (Madrid, 1977), «A Trabe de Ouro» (Santiago, 1990) e «Tempos Novos» (Santiago, 1997). Especializado en historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos, que hoxe chegan a case trescentos, «Miseria de la Economía» (1974) con E. Fioravanti, «Vicente Risco no nacionalismo galego» (1981), «Galicia e a historiografía» (1993), «Ethnos versus Polis? On method and nationalism» (1994), «La historia política: algunos conceptos básicos» (1999), «La España de los nacionalismos y las autonomías» (2001) con J. L. Granja y P. Anguera, «A transición en Galicia» (2007), «A Galicia autónoma» (2007) e «De provincia a nación. Historia do galeguismo político» (Xerais, 2007, 2021), obra pola que recibiu en 2008 os premios Nacional de Ensaio, Losada Diéguez de Investigación, AELG de Ensaio e da Crítica de Galicia en Investigación. Participou, entre outras, nas obras colectivas «15-M: O pobo indignado» (2011), «Á beira de Beiras. Homenaxe nacional» (2011), «Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza» (2015), «As Irmandades da Fala (1916-1931)» (2016) e «Arredor das Irmandades da Fala» (Xerais, 2016). Autor ou coautor das edicións críticas das obras de Losada Diéguez (Xerais, 1985), Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos «Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración» (1983), «Castelao» (1986), «Los nacionalismos en la España de la Segunda República» (1988), «Nationalism in Europe: Past and Present» (1993) e «Memoria e Identidades» (2004). En 2008 recibiu o Pedrón de Ouro, en 2009 conseguiu o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda e en 2017 foille concedida a Medalla Castelao.
Xosé Ramón Pena Sánchez (Betanzos, 1956) é un autor de referencia no eido dos estudos literarios galegos con títulos como "Literatura galega medieval" (1992), "Manuel Antonio e a vangarda" (1996), "Xograres do mar de Vigo" (Xerais, 1998) ou "Historia da literatura medieval galego-portuguesa" (2002). Ademais, como narrador escribiu unha significativa obra de ficción, "O reverso do espello" (Xerais, 1984), "Para despois do adeus" (Premio Xerais, 1987), "Paixóns privadas" (Xerais, 1991), "A era de Acuario" (Xerais, 1997), "Fado de princesa" (2005), "A batalla do paraíso triste" (Xerais, 2008), "Como en Alxeria" (Xerais, 2012) e "Todas as vidas" (Xerais, 2020). Director do suplemento Faro da Cultura e columnista do xornal «Faro de Vigo», son súas tamén, entre outras, as edicións críticas das obras de Ramón Cabanillas: "Na noite estrelecida" (Xerais, 1988), "Da terra asoballada" (Xerais, 1989), "No desterró" (Xerais, 2010) e, en colaboración con X. M.ª Dobarro, "Ramón Cabanillas. Poesía galega completa" (Xerais, 2009).
Le informazioni nella sezione "Su questo libro" possono far riferimento a edizioni diverse di questo titolo.